Expertos destacados do ámbito da innovación e da enerxía na Eurorrexión reuníronse onte na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para analizar algúns dos principais freos ao desenvolvemento económico, social e ambiental de Galicia e o Norte de Portugal.
Santiago de Compostela, 12 de Marzo - Expertos de referencia reuníronse o pasado xoves no marco do proxecto Desourb, desenvolvido entre a Xunta de Galicia e o Eixo Atlántico, a través da Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico, para tratar dous das principais cuestións que afectan ao desenvolvo Eurorrexión: a necesidade de autosuficiencia enerxética e a innovación como motor de impulso da economía e da mellora do medio ambiente.
Como froito do traballo desenvolvido publicaranse a finais de ano as Bases estratéxicas para unha planificación sustentable na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este texto permitirá a transferibilidade do modelo de planificación territorial sustentable, resultante do proxecto Desourb, aos diferentes territorios da Eurorrexión.
Este encontro foi o primeiro dos dous que terán lugar durante marzo no marco do proxecto europeo Desourb. O día 22 realizarase a reunión dedicada á análise das cuestións demográficas, como os fluxos migratorios e o envellecemento da poboación, así como da ordenación do territorio caracterizada na Eurorrexión pola elevada dispersión da poboación.
A Xunta e o Eixo colaboran no proxecto Desourb coa finalidade de definir unha metodoloxía de planificación territorial para a Eurorrexión para o que se está a contar coa participación de expertos destacados de Galicia e do Norte de Portugal de diferentes ámbitos como innovación, enerxía, demografía e ordenación do territorio. Deste xeito analizaranse as relacións entre os distintos elementos que inciden na sustentabilidade da ordenación territorial o que permitirá desenvolver unha maior capacidade predictiva.
Cooperación transfronteiriza
O proxecto Desourb, aprobado en marzo de 2011, cunha duración até finais de 2012, conta cun orzamento dun millón e medio de euros financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 da Unión Europea. O obxectivo principal deste Programa é promover o desenvolvemento destas zonas fronteirizas entre España e Portugal, aproveitando as redes de cooperación existentes desenvolvidas desde 1989, con execución de proxectos de infraestruturas materiais, ou de turismo, servizos sociais, medio ambiente, innovación tecnolóxica, sanidade, educación ou cultura.
Expertos participantes na mesa sobre innovación e enerxía:
· Rosario Arroyo Brotóns, Enxeñeira Industrial, FRER Medio Ambiente
· Xosé Henrique Vázquez, Profesor Titular da Universidade de Vigo
· Mari Luz Lozano Cerezo, Directora de Medio Ambiente e Tramitacións de Norvento
· Jorge Manuel Moreira Gonçalves, Vice-Reitor de Investigação da Universidade do Porto
· Manuel Lara Coira, Profesor da Universidade da Coruña
· Emérito Freire Sambade, Director do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, INEGA
· Ramón María Lois Santos, Director de Relacións Institucionais de Televés