Linguaxes

  • Galego
  • Español
  • Português

Feed Eixoecologia

Buscar

Iniciar sesión

Informe de sustentabilidade: un instrumento para o diagnóstico e o seguimento do estado da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

 

A intensa presión que a especie humana vén exercendo sobre os ecosistemas naturais ao longo das últimas décadas manifestada, por exemplo, a través da alteración da composición da atmosfera, da sobreexplotación dos recursos, a contaminación ou a perda de biodiversidade, está a provocar alteracións de gran magnitude sobre os ecosistemas do planeta. Esta presión, que aumentou moi en particular desde mediados do século XX, levou a algúns autores, como é o caso de Paul Crutzen prestixioso científico laureado co premio Nobel, a denominar a este período da historia do planeta como o Antropoceno, período no que unha soa especie, a humana, adquiriu por primeira vez na historia da vida na Terra a capacidade de modificar a contorna no que habita nunha magnitude descoñecida até o momento e sobre unha escala espacial global.

 

No Antropoceno, a xestión dos ecosistemas do planeta e evidentemente das poboacións de todas as especies que neles habitan, incluíndo as humanas, debe basearse na definición dunha serie de actuacións que permitan salvagardar o noso presente sen comprometer o noso futuro, é dicir, que procuren a sustentabilidade do desenvolvemento dos nosos territorios. Con esta finalidade, as estruturas de goberno tanto a escala supranacional, como nacional, rexional ou local elaboraron estratexias de desenvolvemento sustentable seguindo en gran medida as directrices emanadas do Cume da Terra de Río de 1992, que serán revisadas e redefinidas no próximo cume Río+20.

 

A definición de calquera estratexia de desenvolvemento unicamente ten sentido e só terá utilidade se identifica as variables cuantitativas, indicadores, que permitan a verificación do grao de cumprimento dos obxectivos nela establecidos. Cuantificar o estado dos ecosistemas desde unha perspectiva ecolóxica, económica e social é pois imprescindible para diagnosticar, revisar e, no seu caso, reorientar as políticas que inciden de forma directa sobre a sustentabilidade do territorio. Así, tanto a Unión Europea a través da Axencia Europea do Ambiente, como os propios estados, en España a través do Observatorio da Sustentabilidade en España (OSE), elaboran anualmente informes de sustentabilidade co fin de sistematizar a información sensible e pertinente nesta materia.

 

A Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico marcouse como obxectivo a realización dun informe de sustentabilidade que aspira a contribuír á análise da situación da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal desde a perspectiva do desenvolvemento sustentable, comparándoa con España, Portugal e Europa. O informe baséase nunha batería de indicadores cuantitativos que ilustran sobre o estado de variables relevantes para a sustentabilidade como o metabolismo urbano (residuos, auga e enerxía...), a mobilidade (consumo, emisións...), e a cohesión social (estrutura demográfica, nivel de instrución...). O informe susténtase conceptualmente no Modelo Territorial de Sustentabilidade do Noroeste Peninsular proposto pola Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico. Este modelo apóiase en principios como a minimización do consumo de enerxía e, en última instancia, a autosuficiencia enerxética, a neutralización das emisións de gases de efecto invernadoiro, a xestión sustentable da dispersión da poboación, a moderación da transformación de novo chan, a conservación da funcionalidade do ciclo hídrico, a progresiva desmaterialización dos procesos produtivos e a conservación da biodiversidade e da paisaxe. Para iso aséntase en dous eixos centrais: eficiencia ambiental (capacidade dos ciclos de materiais e enerxía de manter o metabolismo do territorio e, ao mesmo tempo, a mínima perturbación dos ecosistemas, buscando unha relación da xestión e da ordenación territorial orientada a conseguir a máxima eficiencia no uso dos recursos) e a cohesión social (garantía da igualdade de oportunidades individuais que contribúan ao desenvolvemento dunha comunidade con identidade compartida). O informe define 26 indicadores agrupados en cinco eixos temáticos: cambio climático e enerxía limpa; transportes; conservación e xestión dos recursos naturais; ordenación do territorio e marco social, á súa vez estruturados en oito áreas temáticas: demografía; renda; educación; metabolismo urbano; emisións atmosféricas; mobilidade; usos do chan e ordenación do territorio, e biodiversidade.

 

Ademais da mellora do acceso á información sobre a sustentabilidade da eurorrexión, a batería de indicadores establecidos constitúen unha ferramenta de avaliación e análise do grao de cumprimento dos obxectivos estratéxicos definidos nos diferentes instrumentos estratéxicos rexionais que perseguen o desenvolvemento sustentable da euroregión.