A Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico (Eixoecologia) nace en xullo de 2009 pola decisión da Comisión de Desenvolvemento Sustentable do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Con sede na cidade lusa de Vila Real e na cidade galega de Santiago de Compostela, ocúpase de elaborar estudos, desenvolver ferramentas de xestión que axuden a repensar as cidades e a súa contorna con relación á sustentabilidade e asesorar en procesos de diagnose e planificación sustentable presentando solucións que dean reposta aos retos de sustentabilidade formulados. Ademais realiza actividades de formación especializada complementándoa con actividades divulgativas e de difusión . Máis sintéticamente, Eixoecologia apoia a planificación estratéxica sustentable a escala municipal, rexional, provincial e eurorrexional, proporcionando un marco conceptual e instrumental adaptado a territorios cunha distribución da poboación caracterizada pola asimetría costa / interior, a dispersión en numerosos núcleos e as zonas de baixa densidade poboacional, como son Galicia e o Norte de Portugal.
O obxectivo esencial é o de dar resposta a dous retos principais aos que se enfrontan os sistemas urbanos: a aproximación a un modelo de desenvolvemento máis sustentable e a entrada na sociedade do coñecemento e das novas tecnoloxías. Así, a través do proxecto europeo DESOURB, Eixoecoloxía pretende acadar os devanditos obxectivos, ambos unificados na idea de desenvolver un modelo innovador para a xestión sostible da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal.
Xa no ano 2010 Eixoecología desenvolveu unha metodoloxía específica para a redacción de plans de desenvolvemento local no marco das Axendas 21 Locais, especialmente adaptada ás características territoriais, sociolóxicas e económicas da Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal. Esta metodoloxía amósase como unha útil ferramenta para o seguimento da sustentabilidade no ámbito local. A “Axenda 21 Local (A21L)” é un documento estratéxico considerado como tal porque parte dun modelo intencional que orienta tódalas accións locais co obxectivo de acadar un modelo de desenvolvemento mais sustentable no ámbito territorial motivo de análise.
A Axenda 21 ten como punto de partida a realización dunha diagnose da situación actual do territorio en relación á xestion dos seus recursos ambientais, sociais e económicos. Os resultados obtidos desta diagnose permiten o establecemento duns obxectivos de sustentabilidade a alcanzar a través do desenvolvemento de Plans Estratéxicos baseados na integración, con criterios sustentables, das políticas ambientais, económicas e sociais do territorio. É un proceso participativo que integra representantes políticos, persoal técnico, axentes implicados e cidadáns.
No marco do proxecto Desourb, financiado con fondos europeos, preténdese avanzar no deseño de modelos de xestión sustentable do territorio e para elo definíronse unha serie de eixos de actuación así como indicadores asociados aos mesmos, partindo da experiencia obtida coas metodoloxías previas elaboradas.
Ante a necesidade de comproba- la aplicabilidade destes modelos, decidiuse elixir dous municipios da Eurorrexión, un galego e un portugués para comprobar a viabilidade de elaboración dos indicadores e a súas vantaxes fronte á propia metodoloxía da Axenda local 21. Neste marco procedeuse á elaboración dos indicadores dos novos modelos e dos contemplados na metodoloxía da Axenda local 21.
En Galicia foi Sarria o municipio elixido para a aplicación do devandito modelo.
Iniciouse o proceso de recompilación de informacion cartográfica e alfanumérica do Concello de Sarria necesaria para o cálculo dos indicadores, o proceso transcurriu con normalidade agás no tocante á información relativa ó consumo eléctrico municipal, para o cal non se dispoñía de datos informatizados.
Sendo tanto a eficiencia enerxética no consumo como a utilización sinérxica das diferentes fontes de produción de enerxía un aspecto fundamental a considerar no desenvolvemento local sustentable, procedeuse a recompilar as facturas necesarias para podermos avanzar na elaboración dunha diagnose inicial da situación coa elaboración dos indicadores necesarios para tal finalidade.
Para iso foi necesario facer un seguimento das facturas recibidas polo municipio nun período de tempo, a través das cuais se poden coñecer os consumos, tanto o seu obxecto como en cantidade.
O concello recibe unha media de 370 facturas por mes de Unión Fenosa- Gas Natural, e sen un análise técnico previo que permitira coñecer as características particulares dos consumos deses numerosos puntos de subministro (tarifa, potencia...), archivábanse para ser pagas. Ante esta situación, Eixoecologia decidiu afondar no estudo da facturación eléctrica municipal.
O análise da facturación eléctrica municipal é un estudo de apoio á Xestión Dinámica de Instrumentos de Xestión do territorio (XDIOT), no marco xa comentado do Desourb.
O estudo “Análise e optimización da facturación eléctrica municipal” consiste, en realizar un seguimento da facturación eléctrica das dependencias municipais a partir das facturas de Unión Fenosa- Gas natural recibidas polo Concello de Sarria entre xaneiro e xuño de 2010, co obxectivo de rexistrar as características dos puntos de subministro e propor medidas para a optimización dos consumos non sustentables e non eficientes.
A duración do traballo foi de 3 meses, do 1 de febreiro ao 1 de maio de 2012, data na que foi finalizado o devandito estudo. Foron informatizadas unhas 1500 facturas aproximadamente, obtívose información detallada de 370 puntos de subministro, e propuxéronse medidas de optimización para 91 deles.
A metodoloxía a seguir consistiu en informatizar as facturas correspondentes ao período de análise, seleccionar as variables de interese para o estudo (Código Universal do Punto de Subministro, dirección, período de lectura, lectura anterior, lectura actual, tipo de consumo, tarifa aplicada, potencia facturada, consumo facturado, importe do consumo...), calcular o consumo total por mes e finalmente, aplicar as medidas de optimización que foran definidas:
1. Optimización do tipo de tarifa aplicada a cada punto de subministro (Cambio na tarifa contratada)
2. Optimización da potencia contratada (Adecuación da potencia contratada)
3. Eliminación dos puntos de subministro que presentan un histórico de facturación con consumo nulo ou prácticamente nulo (Baixa do subministro).
4. Optimización da Discriminación Horaria
5. Optimización do factor de potencia (penalización por exceso de consumo de Enerxía Reactiva)
6. Optimización por instalación de maxímetro
7. Optimización do contrato coa comercializadora eléctrica axeitada.
Os resultados obtidos tra-la realización deste estudo amosan:
1. Un consumo eléctrico anual estimado de 2.369.274 kWh, o cal supón para o concello un custo estimado de 269.897 euros ao ano.
2. Tras propor as medidas de optimización da facturación eléctrica sinaladas anteriormente estimouse un potencial de aforro dun 19%[1] sobre os puntos de subministro seleccionados coma sensibles á optimización (91 CUPS), cunha inversion de 2.750 euros (para a corrección do factor de potencia coa instalación de baterías de condensadores).
Resumo
- Foron informatizadas facturas correspondentes a 4 meses: xaneiro, febreiro, marzo e maio de 2010.
- Determinouse que existen 370 puntos de subministro (con base á facturación deses meses)
- Analizáronse as características de cada punto de subministro e a súa adecuación: consumo histórico nulo, tarifa aplicada, potencia contratada, consumo de enerxía reactiva...
- Con base na análise determinouse que había 91 puntos de subministro que deberían optimizarse aplicando medidas correctivas: baixa do subministro (por ter consumo histórico nulo), redución ou aumento da potencia contratada, adecuación da tarifa contratada (discriminación horaria) e corrección do factor de potencia.
SINTESE DE RESULTADOS DA OPTIMIZACIÓN |
CUSTE ELÉCTRICO TOTAL ESTIMADO |
CUSTE ELÉCTRICO PREVISTO DOS PUNTOS OPTIMIZABLES |
AFORRO ESTIMADO |
PORCENTAXE DE AFORRO ESTIMADO |
INVERSIÓN A REALIZAR € [2] |
(euros/ ano) |
(euros/ ano) |
(euros / ano) |
|
269.897 |
122.373 |
28.763 |
19% |
2750 euros |
|
|
|
|
|
[1]Porcentaxe de aforro estimado con base no informe 22/2011 da CNE do 29 de Xuño de 2011. Confírmase que este potencial de aforro podería ser superior se se tivera a certeza de que se están a revisar tódolos puntos de subministro e tendo a opción de ver os puntos de subministro in situ. |
[2]Para a instalación de baterías de condensadores para a corrección do factor de potencia. O investimento ten un período de retorno de 1 mes. |
Conclúese que os municipios con características similares ao Concello o de Sarria; tamaño medio – pequeno, e a maioría das veces, sen recursos técnicos que permiten tanto a realización de estudos de eficiencia enerxética como de capacidade para o seguimento das pecularidades do seu uso. En definitiva, carecen de medios para unha racionalización da contratación e racionalización da facturación así como da comprobación da realidade dos consumos.
Ante esta ineficiente situación parece recomendable a realización de campañas de sensibilización dirixidas ás autoridades municipais para transmitirlles a importancia de adicar recursos para a realización de análises deste tipo, de rápido retorno económico e ambiental.
O financiamento para este tipo de traballos, dado o seu baixo custo e alta rendabilidade, pode ser feito a través de préstamos a devolver cos resultados das medidas tomadas. O establecemento de liñas de crédito específicas facilitaría, coa obriga de por en marcha as conclusións e recomendacións, un uso mais eficiente e sustentable da enerxía e dos recursos económicos municipais.
Laura Domarco Álvarez